31 de marzo de 2008

HEROÍNAS

Cada maña érguese cedo, prepara o almorzo para a familia, prepara os nenos para ir á escola, marcha traballa para volver ás oito da noite, fai a cea, recolle, frega, pasa o ferro e vai para a cama. Esta podía ser a historia de centos de mulleres no mundo, que teñen que conciliar a vida no traballo co traballo da casa.
Estamos a mudar unha sociedade tradicionalmente machista. Estamos a mudar centos de anos de represión e escravización da muller. Non podemos pretender dicir que a muller se liberou cando en realidade fai o dobre de traballo, cando non axudamos na casa cando as nosas nais chegan á casa cansadas tras unha longa xornada laboral.
Por iso digo que son heroínas, porque nos coidan, nos protexen de todo aínda que estean esgotadas. Deberiamos pensar no que se esforzan cada día. Mudar a nosa mentalidade e a á da sociedade é sinxelo. Recoñecer o esforzo das labores do fogar, axudando na casa, igualando os salarios, dándolle a ambos (homes e mulleres) as mesmas oportunidades laborais, pensando cunha mentalidade que non defenda os homes nin as mulleres, senón a ambos por igual. Son pequenos xestos que nos fan mellorar como persoas e que fan avanzar a muller na loita pola igualdade.
Pero este é un camiño longo e duro. Mentres que non o consigamos, podemos axudar a estas heroínas anónimas simplemente agradecéndolles o seu traballo e o seu esforzo e colaborando nas tarefas do fogar.

Iria

No hay comentarios: