31 de marzo de 2008

HEROÍNAS

Cada maña érguese cedo, prepara o almorzo para a familia, prepara os nenos para ir á escola, marcha traballa para volver ás oito da noite, fai a cea, recolle, frega, pasa o ferro e vai para a cama. Esta podía ser a historia de centos de mulleres no mundo, que teñen que conciliar a vida no traballo co traballo da casa.
Estamos a mudar unha sociedade tradicionalmente machista. Estamos a mudar centos de anos de represión e escravización da muller. Non podemos pretender dicir que a muller se liberou cando en realidade fai o dobre de traballo, cando non axudamos na casa cando as nosas nais chegan á casa cansadas tras unha longa xornada laboral.
Por iso digo que son heroínas, porque nos coidan, nos protexen de todo aínda que estean esgotadas. Deberiamos pensar no que se esforzan cada día. Mudar a nosa mentalidade e a á da sociedade é sinxelo. Recoñecer o esforzo das labores do fogar, axudando na casa, igualando os salarios, dándolle a ambos (homes e mulleres) as mesmas oportunidades laborais, pensando cunha mentalidade que non defenda os homes nin as mulleres, senón a ambos por igual. Son pequenos xestos que nos fan mellorar como persoas e que fan avanzar a muller na loita pola igualdade.
Pero este é un camiño longo e duro. Mentres que non o consigamos, podemos axudar a estas heroínas anónimas simplemente agradecéndolles o seu traballo e o seu esforzo e colaborando nas tarefas do fogar.

Iria

UNHA NOVA VIDA

Esta é a historia dun rapaz que naceu hai moitísimos anos nun lugar que era moi diferente do que é agora.
Era como os demais rapaces e tiña todo o preciso para ser feliz. Tiña unha marabillosa familia, bos amigos, diñeiro, noivas…
O rapaz foi medrando entre todo canto quería e converténdose nun homiño.
Mentres ía experimentando cambios só desexaba ir de troula. Era a persoa máis divertida, extravagante e espontánea que podía existir. Era tan singular que ao comezo aos seus amigos causáballes graza e pasábano moi ben con el, pero todo cambiou cando empezaron a notar que era demasiado diferente. Todo tornou doutro xeito cando del foi aflorando un novo ser. Converteuse nunha muller e cando quixo darse de conta estaba completamente soa e indefensa.
Todo o mundo estaba na súa contra. Os seus amigos dábanlle as costas, incluso a súa familia. Todo o que tivera acabárase agora para ela. Entón marchou moi lonxe, cambiou os seus atributos e anatomía e cambiou de identidade. Incorporouse a un mundo hostil e marxinal e converteuse e comezou a vivir como unha verdadeira muller. Agora si que podía traballar do que sempre quixera, como artista. Viaxou por todo o mundo até que xa era coñecida e querida por todos. Ninguén sabía o seu segredo, ata que decidiu mostrar a verdadeira realidade e sentiuse por vez primeira orgullosa de quen era.

Flor nº2

DÚAS OPERACIÓNS E SON FELIZ

Chámome Antonio e son unha muller. Si, por fin son como sempre quixen ser e como tiña que ter nacido. Estou casada e teño dous fillos. Casei hai un mes, xusto un ano despois de acabar coas operacións. Agora xa teño todo o que me faltaba e xa quitei o que me sobraba. Foi moi duro, pero por fin son feliz.
10.000 € e son unha muller, moitos máis e teño dous fillos. Por suposto, os meus nenos son adoptados. Farta de non poder ser feliz, fun ao banco, pedín un préstamo, marchei para África e volvín con dous fillos meus, un neno e una nena negros que saben que eu era un home.
Non é fácil cambiar de sexo, o máis difícil é explicarlle aos teus pais que tiveron un fillo que agora quere ser muller. Meu pai non o entende, ou non o quere entender. É normal.
Agora todos me chaman Tona, menos a avoa que me segue chamando Antón. Os meus amigos chamábanme Toni e algún aínda mo chama polo costume, pero eu non me enfado, porque eles foron os que máis me axudaron e me animaron. Algunha xente tratoume mal sempre, chamábanme de todo e intentaban amargarme a vida. Os amigos do meu home deixaron de andar con el por estar comigo e cando se enteiraron de que adoptáramos dous nenos negros aínda foi peor. Gustaríame que toda esa xente nos puidera entender, que entendan que todos, sendo mulleres ou sendo homes, temos dereito a ser felices, teñamos que operarnos, casarnos, adoptar nenos de outras razas ou o que sexa.
Despois de moito tempo buscando, xa teño traballo. Traballo nunha oficina. O meu xefe coñéceme de toda a vida e acéptame tal como son. Intentei entrar como oficinista noutros sitios, pero a pesar de ter estudos, saber falar Inglés e Francés, non me quixeron por ser transexual.
Espero que cando os meus fillos sexan grandes non teñan que pasar polo mesmo por ser negros e espero que consigan ser tan felices como agora son eu.

Nuvi