24 de marzo de 2008

UN TRONO DE DIAMANTE

Un día máis érgueste co traballo derriba dos ombreiros, carreiras e suspiros nun rodar sen fin. Non podes parar … non pares que senón o mundo non ha de xirar … corre ergue ós nenos, fai o almorzo, vísteos, berra un chisco con eles, cántalles esa monótona rifa materna e matinal da que se acordaran tódolos días da súa vida …corre, corre, corre !!! que non chegades !!!, quen pensa en ti ?, non pares que senón ficamos tirados, eu, ti, nos e vos ...
Vai, ven, volve, merca, corre, ... Entras na casa apurada e tiralos tacóns en calquera recuncho, cóllelo mandil e a tixola, es unha muller armada na súa casa para afrontar o batallón de famélicos que dun momento a outro arremeterán cara o canso exército co que non contas. Non pares filla da terra, da auga e o sol, que se paras non hai vida, nin alento ... respiramos o aire que che pertence, vivímo-la vida que ti deberas degustar.
Debes, debes e debes. Debes lavar, facer de comer, inventar contos, coser sen ser costureira, escoitar ... e quen te escoita a ti ?... con esa voz cansa que ás veces sube ata ás nubes pedindo que o día teña unha ou dúas horas máis que che pertenzan só a ti ...
Que máis da o que fagas fora da casa, sexas limpadora, executiva, albanel ou perruqueira, da igual ... o traballo nunca se acaba, nunca! Sempre queda algo, fora ou dentro do lar, sempre hai algo á espera. E os domingos regálaste unha hora pola tardiña, despois de comer e fregar, déitaste a descansalo corpo e construír soños en paraxes tropicais, palacios de marfil e tronos de diamante nos que ser, simplemente ser. Por que non tes tempo para vivir, a penas che deixan alentar e a forza do costume e o orgullo non che permite pedir axuda ... érguete e corre, coma sempre, ... deixa que a fatiga che embriague a alma ata que un día sentes e non queiras nin poidas camiñar máis, ata que nos entregues o relevo e camiñemos desorientados sen os teus pasos de guía.
E non será moi tarde xa cando sentes no trono de diamante co cetro do deber cumprido e as rosas fillas crecidas e belidas abaneadas pola súa propia vida ?, antes de saír, entras no baño e miras ben o teu rostro canso, as olleiras talladas polos nenos, os pelos revoltos moldeados polo frenético correr. Que hábiles artistas somos os que de ti tanto pedimos ... pero ... corre!!! Que non chegades. Hai cousas que nin o maquillaxe a brocha gorda soluciona. E sen embargo elas vente e din: “que guapa, que boa moza” ... ti non o sentes así, camiñas ergueita pero non podes máis.
E cando queiras parar non has poder, a inercia é o teu regalo e o trono de diamante un don afastado no tempo, no espacio, tan só unha idea, sen máis ... Vai, ven correo, merca, limpa, escoita, escribe, inventa contos, para !!! Non, non pares!!, que se non o mundo non xira e as rosas aínda non están crecidas, ... hai que mimalas, alimentalas, deben saber que estas aí. Estas, sempre estas, e o día que se decaten será un paso máis cara ese pazo de marfil cheo de tapices tecidos no teu día a día.
Mentres, o trono espérate, nos pedimos e ti das ...as rosas medran, ... repararan na man que as coidou?



Emilia Maseda

No hay comentarios: